Saltar ao contido

Presentación

Ás dúas misións clásicas da Universidade, Investigación e Docencia, hai que sumar neste século XXI unha terceira: a Transferencia do Coñecemento. A Academia debe explotar o seu potencial intelectual, científico e tecnolóxico e promover a transmisión do saber á sociedade para contribuír á mellora do benestar da cidadanía.

Con todo, os resultados da proba piloto lanzado pola ANECA en 2018 para avaliar e incentivar a actividade de transferencia, o “sexenio de transferencia”, evidenciaron unha importante fenda de xénero.

Faise necesaria unha reflexión, con perspectiva de xénero, sobre o proceso de transferencia do coñecemento universitario; os distintos factores causantes desta fenda, a implementación de estratexias desde as universidades e organismos públicos para reducila; así como as estratexias de empoderamento das investigadoras para afrontar con éxito estes novos retos.

Para iso proponse un programa de día e medio de duración articulado a través de relatorios impartidos por persoas expertas, mesas redondas e talleres que permitirán o debate participativo para afondar en todo o proceso de transferencia desde unha perspectiva de xénero.

Esta xornada, subvencionada polo Instituto de las Mujeres, está cofinanciada polo Proxecto Erasmus+, MATES (Maritime Alliance for Fostering the European Blue Economy through a Marine Technology Skilling Strategy) e responde a unha das liñas transversais do proxecto: promover o equilibrio de xénero en todos os ámbitos da formación, a investigación e a transferencia do coñecemento.

Imaxe de Ana Jesús López Díaz no laboratorio

Ana Jesús López Díaz

Coordinadora da Xornada